Friday 17 de May de 2024

O Concello recupera o monumento a Tranvías na celebración dos 120 anos da posta en marcha na cidade da primeira liña do transporte público


O monólito foi reinstalado na rotonda da confluencia entre Ramón y Cajal e Fernández Latorre, preto da antiga Estación do Norte

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, participou hoxe na presentación do monumento en homenaxe ao Centenario da Compañía de Tranvías, instalado no ano 2003 na contorna de Porta Real e que hoxe, co gallo dos 120 anos da posta en marcha da primeira liña da Compañía, estrea unha nova localización, na rotonda da confluencia entre as rúas Fernández Latorre, Ramón y Cajal e Alcalde Pérez Ardá.

O monólito foi retirado hai nove anos, no contexto da reurbanización da explanada da Mariña, pero non se recolocara desde entón. A súa devolución a un espazo público na cidade tivo lugar este luns, coa súa instalación nesta rotonda próxima á estación de autobuses, preto da antiga localización da Estación do Norte, onde remataba a liña que partía de Porta Real hai máis dun século.

“Hoxe dámoslle unha segunda vida a este monumento, que lembra unha entidade centenaria e fundamental na historia da Coruña, como é a Compañía de Tranvías, protagonista da nosa evolución como cidade en termos de transporte público, vertebrando as conexións entre os barrios, as veciñas e veciños”, subliñou Díaz Gallego.

No acto, realizado hoxe ao mediodía, tomaron parte o director da Compañía de Tranvías da Coruña, José Ignacio Prada, así como persoal asociado á Área municipal de Mobilidade e traballadoras e traballadores da propia Compañía de Tranvías.